Benvid@s!!!!

domingo, 22 de marzo de 2015

E continuando cos mitos...Mito do minotauro

Hai moito, moito tempo, vivía en Grecia un novo e valente príncipe chamado Teseo. O seu pai era o rei Exeo e gobernaba a fermosa cidade de Atenas.

Un día baixou Teseo ao porto e viu un grupo de xente chorando. Sete rapaces e sete doncelas eran levados, coas mans atadas, a bordo dun barco de velas negras.

-Quen é esa xente que hai no peirao? -preguntou Teseo a un mariñeiro.

-Son os familiares das catorce vítimas que van ser sacrificadas. Ves a eses sete rapaces e sete doncelas? Serán enviados a CretaPobreciños, como os compadezo!

-Por que? Pois que lles sucederá?

-Pero non o sabes, pequeno? Serán ofrecidos como alimento ao terrible Minotauro que vive no labirinto!

Teseo oíra falar do Minotauro, o horrendo monstro con corpo de xigante e cabeza de touro! Posuía uns cornos temibles e uns dentes enormes, e habitaba nun vasto labirinto nos sotos do pazo de Creta, devorando seres humanos. Tan numerosos eran os pasadizos do labirinto, que ninguén que penetraba nel conseguía achar a saída.

Teseo regresou apresuradamente ao pazo do seu pai.

-¡Pai! -exclamou-. Acabo de ver catorce mozos atenienses a bordo dun barco que se dirixe a Creta. Por que os enviamos para ser sacrificados a esa terrorífica besta, o Minotauro?

-Porque hai moito tempo, fillo meu, houbo unha guerra entre Atenas e Creta. Atenas foi derrotada, e dende entón debemos enviar un tributo a Creta cada sete anos, un tributo de sacrificios humanos! Se non enviamos a eses sete mozos e sete doncelas para que sexan devorados polo Minotauro, o rei de Creta nos volverá declarar a guerra e moitos dos nosos morrerán.

-E non podería dar alguén morte ao Minotauro? -preguntou Teseo.

-Ninguén saíu nunca do labirinto con vida. Ou os mata o Minotauro, ou se perden para sempre no labirinto.

Teseo regresou correndo ao porto e achegouse ao barco das velas negras, onde agardaban os rapaces e as doncelas. Os seus familiares e amigos seguían saloucando no peirao.

-¡Pobo de Atenas! -berrou Teseo-. Non choredes, eu irei a Creta para rematar co Minotauro!

Con estas palabras, Teseo subiu a bordo e zarpou a Creta.

Tras moitos días de navegación, chegaron á bela illa de Creta. No alto dun risco estaba o magnífico pazo de mármore do rei Minos. Os seus soldados conduciron aos mozos e as doncelas polo sendeiro do risco.

O interior do pazo estaba todo adornado con ouro e prata. Os cuartos aparecían repletas de finos mobles, e en todas as paredes podían contemplarse escenas de touros e delfíns saltarins.

No amplo salón o rei Minos achábase sentado nun trono dourado. Tiña unha longa barba branca e levaba posta unha túnica de seda.

-Só esperaba catorce -dixo rudamente- Por que o rei Exeo me envía a quince?

Teseo deu un paso adiante.

-Son o príncipe Teseo, fillo do rei Exeo. Vin para matar o Minotauro e liberar o meu pobo desta terrible débeda.

-Bravas palabras -dixo o rei cun pérfido sorriso-. Posto que estás tan ansioso de encontrarte co noso monstro, ti serás o primeiro que entrará mañá no labirinto.

Nunha esquina da ampla sala estaba a bela princesa Ariadna. Ao ver a Teseo, inmediatamente namorouse del. "Debo axudar a este valente e aposto mozo", pensou.

Aquela noite, dirixiuse ao seu cuarto sixilosamente.

-Príncipe Teseo -murmurou en voz baixa-. Non podo axudarte a matar o Minotauro, pero si podo axudarte a escapar do labirinto. Debes aceptar a miña axuda ou morrerás.

-Fareino encantado, princesa -contestou Teseo.

-Entón toma esta espada e esta madeixa de fío e escóndeos debaixo da túa túnica. Cando entres no labirinto, ata o extremo do fío á porta e ve desenrolándoo á medida que avances polos escuros pasadizos. É a túa única esperanza de achar a saída unha vez que mates o Minotauro. Eu estareite a esperar xunto á porta. Debes levarme contigo de regreso a Atenas. O meu pai matarame se descobre que te axudei a escapar.

-Levareite comigo, princesa -dixo Teseo con tenrura-, pois estou namorado de ti.

Ao amañecer do día seguinte, os soldados do rei conduciron aTeseo ata o labirinto. Cando a porta se pechou tras el, quedou sumido na escuridade. Sacando a madeixa de fío de debaixo da súa túnica, Teseo atou un dos seus cabos á porta. Palpou os elevados muros que tiña a ambos os dous lados e, moi devagar, descendeu polo angosto camiño, desenrolando o fío a medida que avanzaba. Máis adiante viu un pouco de luz filtrándose polo chan do pazo, e puido ver miles de caveiras e ósos esparexidos polo chan.

De pronto oíu un terrible ruxido que resoaba polos pasadizos. O espantoso son aproximábase máis e máis, e Teseo percibiu a forte pisada do xigante que se achegaba.

Inesperadamente, a besta abalanzouse sobre el, bramando e ruxindo, pero o príncipe apartouse dun salto, asíndose á rocha. A besta volveu abalanzarse sobre el, e esta vez Teseo asestoulle un violento puñazo no peito. O Minotauro caeu cara a atrás, atordado, e Teseo agarrouno polos seus inmensos e afiados cornos, inmobilizándoo. O Minotauro soltou de novo un ruxido e chiou os seus enormes dentes. Teseo sacou rapidamente a súa espada e afundiuna tres veces no corazón do Minotauro. A besta ruxiu unha vez máis... e logo quedou inmóbil.



Na escuridade, Teseo buscou o nobelo de fío que caera. Cando o achou, foi seguindo coas mans o rastro do fío a través dos escuros e sinuosos corredores do labirinto. Á fin alcanzou a porta onde se achaba Ariadna.

Ao ver a Teseo manchado de sangue, correu cara a el e abrazouno apaixonadamente.

-Debemos apresurarnos -dixo a moza, moi excitada-, ou descubrirannos os gardas do meu pai.

Ariadna conduciu a Teseo a onde se achaba ancorado o barco. Alí, esperándoos, estaban os sete rapaces e as sete doncelas. Cando saíu o sol, puxeron rumbo a Atenas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario